Thursday 18 de April de 2024

“Carballo levámolo dentro”, un lema para unir a todas as persoas que levamos Carballo no corazón


Coincidindo co Día da Candeloria poñemos en marcha unha serie de propostas que culminarán o Día de San Valentín

Un ano máis trazamos unha ponte entre os dous días do amor que se celebran no mes de febreiro -o 2, Día da Candeloria, e o 14, Día de San Valentín- para deixar vía libre ás manifestacións de benquerenza por Carballo. Co lema Carballo levámolo dentro pretendemos chegar ao corazón mesmo da veciñanza e conseguir a implicación popular no obxectivo que debe unir a todos os carballeses e carballesas: facer fachenda do noso pobo.

E como “a partir da Candeloria ningunha ave voa soa”, aproveitamos esta xornada para lanzar un novo convite a todas as persoas que levan Carballo no corazón. O mercado semanal foi o escenario da primeira iniciativa da campaña: un photocall no que todas as persoas que quixeron puideron facerse fotos para levar como recordo ou para compartir nas redes sociais do Concello de Carballo, e que agradecemos facéndolles entrega dun imán e un adhesivo para o coche. Tamén se achegaron ata alí o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Juan Seoane.

E hoxe ademais propoñémosvos amosar ese amor por Carballo enviándonos por Whatsapp (604072887) un vídeo ou unha fotografía alusivos ao lema da campaña, que publicaremos nas redes sociais e que recompensaremos cun agasallo que vos vai encantar. Tedes de prazo ata o mesmo 14 de febreiro!

As redes sociais serán tamén a plataforma na que poderedes ver e escoitar a distintas persoas que levan Carballo dentro e que queren compartir con nós ese sentimento: carballesas e carballeses que destacan nas súas facetas profesionais, como a enxeñeira informática, profesora e investigadora da UDC Verónica Bolón, o xornalista Manuel Rey, as futbolistas Elena Vázquez e María Varela Bardanca, os arquitectos Diego Díaz e Gustavo Figueira e a cociñeira Rocío Martínez. Permanecede atentos e atentas ás nosas redes sociais!

O día 14 de febreiro haberá tamén un agasallo para toda a clientela dos postos do mercado municipal de abastos: unha bolsa de rafia co lema da campaña que poderás reutilizar a partires de agora en todas as túas compras.

“Eu quero a Carballo”

Transmitir unha imaxe en positivo do noso concello é un dos eixos do traballo do goberno municipal. Con esa filosofía, no ano 2019 lanzamos a marca Eu quero a Carballo, agrupando distintas acción impulsadas dende as diferentes áreas municipais baixo unha denominación común que contribuíse a reforzar o obxectivo fundamental de mellorar a imaxe de Carballo.

Entre o 2 e o 14 de febreiro concéntranse dende ese 2019 numerosas accións, porque Eu quero a Carballo non foi unha iniciativa puntual limitada a unha data determinada, senón que xa forma parte da actividade cotiá e está perfectamente asumida pola cidadanía. Froito dese traballo foi tamén, no ano 2022, a presentación do skyline de Carballo, que introduciu o corazón no nome do noso concello e que xa é unha marca oficial do Concello de Carballo rexistrada como tal na Oficina Española de Patentes e Marcas.

Seguir traballando nesa liña e introducindo novos elementos que redunden na mesma mensaxe e que favorezan un contacto máis próximo entre Administración e cidadanía, é o obxectivo da nova campaña Carballo levámolo dentro.